Friday 17 de May de 2024

O Museo do Gravado de Artes exhibe unha vasta exposición en torno a Cristóbal Colón


Poderá visitarse ata o 23 de agosto

Unha nova exposición enche o Museo do Gravado das Artes: “Colón: o descubrimento de América”: a máis ambiciosa mostra nunca feita no Barbanza sobre o descubridor de América, que se pode ver nas 3 salas de que dispón a instalación situada no lugar de Outeiro ata o próximo 23 de agosto.

O acto inaugural contou coas intervencións do presidente e o vicepresidente da Fundación Museo de Artes, Manuel Ruiz e Javier Expósito; do secretario xeral de Cultura da Xunta, Anxo Lorenzo; e do director do museo, Pastor Rodríguez; que estiveron arroupados por outras autoridades como o senador José Luis Torres, a alcaldesa de Lousame Teresa Villaverde, ou a tenente de alcalde de Porto do Son María José Maneiro.

A mostra incide nos máis diversos aspectos relacionados co descubrimento do Novo Mundo (as súas viaxes, o contacto entre as dúas civilizacións, incluso abórdase a teoría do Colón Galego) a través de litrografías, augafortes, ilustracións ou do valioso material bibliográfico que se reparte entre as distintas salas, tituladas, respectivamente, “Colón e a busca das Indias”, “Un novo mundo: terras e xentes” e “As culturas do Novo Mundo”.

Obras de Oswaldo Guayasamín, Eberhard Schlotter, Clara Gangutia, Vicente Arnás, Roberto González, César Luengo, Jesús Ibáñez ou Luis Wallpher integran unha mostra que conta ademais cun retrato do descubridor realizado por Alfonso Costa ou unha réplica a escala das tres carabelas.

Pode ser visitada de martes a sábados de 10.30 a 13.30 e de 16.30 a 19.30 horas e festivos de 16.30 a 19.30 horas.